opendello son un grupo de xentiña que anda a traballar por ensinar o bonito que pode ser isto da rede. opendello é un lugar aberto, un espazo para a aprendizaxe compartida. opendello é para ti ou para vós. Se sodes un colectivo, unha asociación, un grupo que ten curiosidade por aprender sobre isto do interné. Se tes unha idea que che gustaría facer visible na rede, se na vosa asociación facedes unhas cousas ben chulas, ou montades unhas festas das que vos sentides moi fachendosos, se queredes dar visibilidade ao voso traballo ou colectivo, pero non sabedes como, en opendello botámosvos unha man, ou oito.
Cóntanos o que fas, o que che gustaría facer, e entre todos e todas argallaremos algo ben xeitoso como isto, ou isto, ou isto, ou isto, ou un vídeo deses bonitos e ben modernos coma este, ou este, ou este... ti conta... ese é o conto! Escríbenos a opendello@gmail.com, ou no noso facebook -que éche ben bunitiño-, ou no twitter, ou #ohmimadriña! escríbenos unha carta feita a man.
...en resumo:
opendello nace principalmente da ilusión dos seus promotores por dar vida a un proxecto que axude ás persoas a desenvolverse no manexo das novas tecnoloxías dun xeito diferente, nace da implicación e experiencia profesional dos seus promotores, da observación e análise da realidade rural galega neste eido, sentindo que é necesario apostar por novos procesos pedagóxicos de calidade, adaptados ás necesidades reais das persoas.
opendello faise a man, sen presas, coa ilusión e as bolboretas no estómago que produce un namoramento!